Ulobit revisa Vikingland de Xurxo Chirro en Espazos Sonoros

…sábado 29 de setembro /// Museo Massó, Bueu (Pontevedra) >> 20.00 h

No ano 2007, xurxo Chirro atopou catro VHS na súa casa. As fitas almacenaban case 20 horas de metraxe de película caseira gravadas por un mariñeiro amigo do pai do director, Luís Lomba O Haia, ao bordo do Vikingland, cando traballaba no Mar do Norte. xurxo Chirro recrea, en Vikingland, a partir destas fitas, as andainas dese grupo de mariñeiros na súa viaxe entre a illa de Sylt (Alemaña) e a localidade danesa de Rømo. O filme é un traballo de “arquivo revelado” e un documento da emigración galega no norte de Europa. Vikingland (2011) participou nos festivais internacionais de FID Marseille, FIC Mar del Plata, PlayDoc de Tui, Curitiba IFF, IDF Jihlava, Curitiba IFF, Fic xixón, Cineuropa e Bradford IFF.

A partir desta longametraxe, Ulobit manipula as imaxes e, coa interacción da música, das secuencias electrónicas e da zanfona, estas transfórmanse para construír un resultado sempre cambiante e inspirador.

Ulobit é un trío formado por membros de dous dos proxectos máis interesantes de antropoloxía musical e sonora do país (Escoitar.org e aCentral Folque). Basean a súa proposta na improvisación e na experimentación, na música incidental e nos ritmos minimalistas, mesturando tecnoloxías antigas (zanfona), modernas (computadores, electrónica, vídeo, pedais de efectos) e de software libre, para deconstruír imaxes de arquivos revelados con banda sonora ao vivo abstracta e resoante.

Antes do concerto farase unha introdución con comentarios do director sobre a película e a proxección dunha escolma de secuencias desta, ademais de explicacións dos músicos sobre o seu método de traballo: a electroacústica, a electrónica e o vídeo.