Tes películas familiares en Super8?

O Festival Sinsal e o Cineclube Lumière de Vigo abren a convocatoria de recepción de películas para a súa selección e posible exhibición dentro do programa de actividades do Club SinSal, co propósito de recuperar, difundir e poñer en valor un patrimonio que constitúe unha das máis claras representacións da expresión popular do século XX: o cinema feito por afeccionados.

O obxectivo desta convocatoria é proporcionar a toda a xente que conserve nos seus fogares películas caseiras filmadas en Super8, 8 mm e 16 mm a oportunidade de compartilas nunha proxección pública, que terá lugar o próximo 14 de abril no MARCO de Vigo, e que se encadra dentro das actividades organizadas polo Festival Sinsal.

Se tes algunha película rodada polos teus avós, teus pais ou algún familiar, ou coñeces alguén que as teña, non o dubides, anímate, ponte en contacto connosco e ven a compartila ao Club SinSal do Festival Sinsal.

A presente convocatoria réxese de acordo coas seguintes bases:

REQUISITOS

Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen e que posúan unha película en formato Super8, 8 mm ou 16 mm, preferentemente rodada na cidade de Vigo.

LUGAR E PRAZO DE ENTREGA

O prazo de admisión de películas ábrese o luns 5 de marzo e finaliza o venres 30 de marzo.
As películas deberán entregarse en man, no seguinte enderezo:

MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Enderezo: Príncipe 54, 36202 Vigo
Contacto: persoal de taquilla
Horario: Martes a sábados (festivos incluídos) de 11.00 a 14:30 e de 17:00 a 21:00. Domingos de 11.00 a 14:30

En caso de non poder desprazarse ao centro da cidade de Vigo, póñase en contacto connosco en info@sinsalaudio.org, co asunto “Club Sinsal Super 8”, e xestionaremos a mellor forma de recoller os materiais.

DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR

Cada película irá acompañada dunha ficha –a cubrir no lugar de entrega– na que se fará constar a seguinte información:

*Obrigatorio **Opcional

*Nome do depositante:
*DNI:
*Teléfono de contacto:
*E-mail:

**CARACTERÍSTICAS TÉCNICAS
Ano:
Formato:
Cor ou B/N:
Duración:

**INFORMACIÓN ADICIONAL
Descrición:
Localizacións:
Algunha curiosidade?:

SELECCIÓN

Unha vez recollidos todos os materiais, haberá un proceso de selección, cuxo principal criterio será o estado físico da copia.

A dirección do festival establecerá a orde de exhibición de cada película.

EXHIBICIÓN

As películas serán exhibidas publicamente, acompañadas da actuación musical dun grupo en directo, dentro das actividades programadas polo Club SinSal que se levarán a cabo o día 14 de abril no MARCO de Vigo.

A inscrición das películas é un acordo mediante o cal os participantes outorgan o seu consentimento ao Festival Sinsal para a reprodución e exhibición pública desta sen dereito a contraprestación económica e aceptando as condicións do Festival Sinsal.

Todo o proceso de exhibición será documentado mediante vídeo e fotografías, e os participantes ceden os dereitos de imaxe para a súa difusión vía Internet ou mediante calquera outro soporte para divulgación das actividades do Festival.

ACCESO

O acceso ao conxunto de actividades do Club SinSal realizarase mediante pagamento da entrada fixada pola organización. 

DEVOLUCIÓN

A organización devolverá as películas aos seus propietarios nun prazo de sete días despois da finalización da exhibición pública.

O Festival Sinsal faise responsable de calquera dano ou extravío dos materiais que poida producirse dende o momento da entrega na taquilla do MARCO ata a súa devolución.

ACEPTACIÓN DAS BASES

A inscrición dunha película implica a plena aceptación das bases e condicións que regulan a presente convocatoria.