Sesións Anecoicas curso 2015-2016

Regresan as Sesións Anecoicas do Festival Sinsal Son Estrella Galicia para este curso 2015-2016 con novos artistas e, nesta oportunidade, tamén convidamos a alumnos do Conservatorio Superior de Música de Vigo.

No pasado curso 2014-2015 pasaron polas Sesións Anecoicas os artistas: Best Boy, Caxade, Ulobit, 2uS, Apenino, Nicolas Pastoriza.

LUCÍA LUGRÍS E RAÚL REYES

- Lugar: E. E. de Telecomunicación
- Data : 13/11/2015
- Hora: 11.00 e 12.00 (dous pases)

Lucía Lugrís (frauta traveseira) e Raúl Reyes (clarinete) son dous alumnos do Conservatorio Superior de Música de Vigo. Neste concerto interpretarán obras de Dúos para frauta e clarinete do compositor Robert Muczynski. Con esta actuación, as sesións anecoicas do Festival Sinsal abren unha colaboración co CSM de Vigo, que terá continuidade en futuras edicións.

As persoas interesadas en acudir ao concerto deberán apuntarse en info@sinsalaudio.org ou no noso facebook do Festival Sinsal e Sinsalaudio ata un día antes da súa celebración.

SU GARRIDO E MARGARIDA MARIÑO

- Lugar: E.E. de Telecomunicación
- Data : 18/12/2015
- Hora: 11.00 e 12.00 (dous pases)

Su Garrido Pombo (voz e guitarra) e Margarida Mariño (cello) son dúas músicas de Vigo que se unen nesta nova colaboración musical, minimalista e íntima con influencias que van dende a Bossa nova ata o Trip Hop, cun repertorio de temas propios. Agora están inmersas na gravación do seu segundo disco. Su Garrido Pombo (Vigo) é música e compositora. O seu estilo abrangue diferentes xéneros incluíndo jazz, latin, bossa ou folk. Tras o seu paso polo grupo Folk Lembranzas Galegas e como vocalista do grupo Sonhos co que grava o seu primeiro disco Sonhos, Garrido continúa na actualidade a súa carreira en solitario ofrecendo xiras en Galicia e Dublín á vez que forma parte doutros proxectos como este con Margarida Mariño. Margarida Mariño, natural de Vigo, comeza a tocar o violoncello aos oito anos. Compaxina a música clásica viaxando por distintos países europeos con outros estilos como o Jazz, as Músicas do Mundo ou a improvisación libre. Actualmente é membro da orquestra Sinfónica Vigo 430.

As persoas interesadas en acudir ao concerto deberán apuntarse en info@sinsalaudio.org ou no noso facebook do Festival Sinsal e Sinsalaudio ata un día antes da súa celebración.