"Ruído de Fondo" na Cidade Da Cultura de Galicia

A Cidade da Cultura programa Ruído de Fondo, un ciclo dedicado a explorar as posibilidades creativas da Arte Sonora e que está comisariado por SINSALaudio

A través de concertos, performances, esculturas sonoras, ready-mades, conferencias ou talleres, o ciclo propiciará unha reflexión acerca da importancia do son na sociedade e traerá ao Gaiás a algunhas das bandas independentes máis recoñecidas do panorama internacional, como os turcos Hayvanlar Alemi ou os californianos No Age. Tamén haberá artistas que son unha referencia no mundo da experimentación musical, como a norteamericana Alyce Santoro, que levará a cabo un proxecto en colaboración con deseñadores galegos.

"Ruído de fondo", presentado esta mañá pola directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, e polo director de Acción Cultural desta institución, Ignacio Santos Cidrás, constará de seis concertos entre xullo a decembro -un ao mes-, ademais dun programa paralelo de actividades, que buscará a participación do público, a apertura de espazos de creación e de intercambio de experiencias entre o público e os artistas que participan. Con este obxectivo, os grupos e creadores que pasen por "Ruído de fondo", ademais da súa actuación, levarán a cabo diferentes accións culturais nos días previos ao concerto.

Primeiras actuacións
O ciclo comezará coa actuación dos turcos Hayvanlar Alemi o 24 de xullo ás 22,00 horas na Sala de Columnas da Biblioteca de Galicia. Orixinaria de Ankara, esta formación ofrecerá una mestura de psicodelia, música surf e rock instrumental. Ozum Itez (guitarra eléctrica) e Isik Sarihan (percusión), líderes da banda, farán un percorrido por numerosas variedades de estilos, desde o post-punk dos anos oitenta, o retro-rock camboiano ou a música para guitarra do Sahara.

Na véspera do concerto, a banda turca levará a cabo unha acción cultural na Cidade da Cultura que se dará a coñecer nos días previos. O aforo para este concerto é de 200 persoas e o custe das entradas de 5 euros (máis gastos de xestión). As localidades pódense adquirir a partir de hoxe na web www.servinova.es.

O segundo concerto terá lugar o 18 de agosto. Será a quenda da banda de Los Ángeles, No Age, un grupo que pasou en apenas tres anos de tocar en locais a ser unha das referencias do rock independente. Na Cidade da Cultura, presentarán o seu traballo Everything in Between. Dean Spunt (batería) e Randy Randal (guitarrista e sintetizador), recuperan coa súa música o son de baixa fidelidade de finais dos oitenta.

"A nosa música é unha invitación ás persoas a que se involucren nunha comunidade que celebra a arte e a experimentación. Intentamos recrutar xente coa noción de que a arte é unha parte crucial da vida diaria", aseguran. Tamén neste caso o día antes, o 17 de agosto, levarán a cabo unha acción cultural que se anunciará nos días previos. O concerto terá lugar na praza da Cidade da Cultura, cun aforo de 400 persoas. As entradas, que se poden adquirir a un prezo de 5 euros (máis gastos de xestión), saen hoxe a venda en www.servinova.com.

O traxe sonoro de Alyce Santoro

Outro dos artistas invitados ao ciclo é a norteamericana Alyce Santoro, un dos referentes no campo que se coñece como "moda de tecidos intelixentes". Santoro levará a cabo un proxecto en colaboración con deseñadores e músicos galegos: a confección dun traxe sonoro.

Esta artista fabrica unha tea coñecida como sonic fabric, confeccionada con algodón e coa fita magnética de casetes e que ten a particularidade de que é audible: pódese escoitar pasando o cabezal dun radiocasete por riba. Normalmente para facer esta tela, a artista recolle casetes de todo o mundo. Neste caso lanza unha invitación a todos os galegos que queiran participar para que lle envíen os seus arquivos sonoros en formato dixital a unha dirección de correo electrónico: ruidodefondo@cidadedacultura.org.

Cos arquivos que reciba desde hoxe e ata o 31 de xullo gravará unha casete a partir da que elaborará a tea en bruto. Despois entregará este material a deseñadores galegos que serán os encargados de fabricar as prendas de roupa. Estas prendas serán presentadas en decembro nun espectáculo multidisciplinar de danza e performance na Cidade da Cultura.

O resto de concertos e actividades que conformarán o ciclo Ruído de fondo anunciaranse nas próximas semanas.

533 Mensajes