PEL DE NOZ na Antiga fábrica de conservas e salgas Goday

Pel de Noz é un dúo instrumental de Ames, integrado polo acordeonista Alonso Caxade e o contrabaixista Alberto Rodríguez. O dúo traballa nun estilo que eles mesmos dan en chamar jazz&trad, é dicir, divertirse avivando, reformulando e improvisando libremente sobre temas da tradición musical vocal de Galicia, recollidos en cancioneiros populares como o de Antón Santamarina e Dorothé Schubart, aderezados con trazos doutras estéticas musicais polas que tamén senten un grande respecto e admiración, como o jazz, o swing, o blues, o soul, a música contemporánea, o tango e ata rock&roll!

_FESTIVAL ESPAZOS SONOROS: _Venres 19 de agosto ás 20.30 h

Antiga fábrica de conservas e salgas Goday, Illa de Arousa (Pontevedra)

A mediados do século XVIII comezan a instalarse en Galicia os chamados “fomentadores” cataláns, nome co que se coñece os comerciantes procedentes de Cataluña que crearon en Galicia as primeiras fábricas de salga. Un deles foi Juan Goday Güal, que se asenta na Illa de Arousa e funda en 1843 unha fábrica de salga e en 1879 unha de conservas.

A fábrica continuou proporcionándolles traballo e riqueza ás xentes da Illa de Arousa ata pasada a metade do século XX, en que cesou a súa actividade.
O edificio da antiga fábrica de Goday foi restaurado por iniciativa municipal baixo a supervisión do arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Desde 2009 funciona como Centro de Interpretación das Conservas.

Arquitectonicamente é un edificio de gran singularidade, con columnas de forxa labrada, que presenta claras reminiscencias modernistas e está situada nunha contorna de gran valor etnográfico e paisaxístico. Nas súas proximidades atópase o antigo “muelle de pau”, o peirao privado onde se descargaba o peixe para a fábrica.