Monumenta 2014: catedral de Ourense e castelo de Tovar, Lourenzá (Lugo)

Sábado 28 de xuño: catedral de Ourense

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO.

Este monumento iniciado no século XII seguiu evolucionando durante oito séculos. Das dúas portadas románicas, a máis singular é a do pórtico do Paraíso, coas influencias do labor do mestre Mateo no pórtico da Gloria da catedral de Santiago. Monumenta quere poñer en valor o patrimonio inmaterial da historia recente ourensá e convídanos a facer un percorrido musical da man da Coral de Ruada, formación de referencia para a música vocal en Ourense, e do conxunto de Galicia. Con case un século de historia, esta agrupación estableceu unha fermosa relación coa catedral de Ourense que desvelaremos nesta singular actividade.

19.00 MONUMENTA, MANS Á OBRA

Obradoiro para todas as idades na praza de San Martiño, onde experimentar cos procesos de restauración do patrimonio.

20.30 MONUMENTA EN CONCERTO

Monumenta propón un faladoiro-concerto único na catedral ourensá, coa Coral De Ruada e o polifacético Xurxo Souto (cantante, ex-acordeonista dos Diplomáticos de Monte Alto e difusor da música galega de agora e de sempre), que será o encargado de conducir esta celebración arredor da coral e da restauración do pórtico do Paraíso.

Domingo 29 de xuño: castelo de Tovar Lourenzá (Lugo)

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO.

A principios do século XVI, Antonio de Tovar comeza a construír esta mansión fortificada de estilo gótico isabelino. Co paso do tempo os seus moradores foron adaptando a vivenda ás súas necesidades e hoxe podemos descubrir a riqueza arquitectónica conservada do conxunto. Monumenta únese, nesta ocasión, da man do Concello de Lourenzá e das asociacións locais, á proposta de converter a xornada nunha festa completa arredor do patrimonio cultural da zona. Un día de portas abertas, visitas guiadas e gozo compartido.

DE 11.00 A 20.00 TODOS CARA A TOVAR

Probas deportivas polo Val de Lourenzá, xogos para todas as idades, visitas guiadas ao castelo de Tovar… Infórmate das actividades ao longo da xornada.

13.00 CULTURA E GASTRONOMÍA

No castelo, clase maxistral de cociña «Fabas con callos», unha intervención gastronómica de Iago Castrillón, prestixioso cociñeiro de Vilanova de Lourenzá. Unha oportunidade para coñecer a receita e recuperar este prato tradicional.

14.00 MONUMENTA EN CONCERTO

Actuación musical e de baile coa Asociación Osorio Gutiérrez no castelo, para divulgar a tradición da música e do baile galego coa xente miúda da comarca. Unha actualización das pezas recompiladas durante anos entre os maiores.

17.00 MONUMENTA EN ESCENA

Fantoches presenta un espectáculo de narración oral e música en directo coa técnica xaponesa do Kamishiba: As pombas de Carboeiro.

18.00 FALADOIRO MONUMENTA

Conversa cos veciños sobre a memoria do castelo de Tovar e o territorio.