Monumenta 2014: Santiago, San Cibrao de Las e Melide

MONUMENTA 2014

Venres 13 de xuño: Torre da Berenguela da Catedral Santiago de Compostela (A Coruña)

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO. Monumenta 2014 chega á catedral de Santiago, onde recentemente se interveu na torre do Reloxo, tamén chamada torre da Berenguela. O corpo principal con base románica foi construído no século XIV polo arcebispo que lle deu nome á torre, Berenguel de Landoira. En 1680 Domingo de Andrade remataría a parte superior elevándoa dúas plantas máis. En 1833 colocouse o recentemente restaurado reloxo de catro esferas (unha por cada cara da torre), obra do ferrolán Andrés Antelo.

_
19.00 MONUMENTA, MANS Á OBRA. Obradoiro para todas as idades, na praza da Quintana, no que se experimentará cos procesos de restauración do patrimonio.

_
19:00 MONUMENTA DIVULGA. Mesa redonda
A restauración do patrimonio da catedral, no Museo das Peregrinacións e de Santiago (rúa de San Miguel, 4). Diálogo con profesionais da restauración arredor das intervencións na catedral de Santiago.

_
21.30 MONUMENTA EN CONCERTO. Baldomero Barciela e Patricia Rejas, dúo de viola de gamba e forte piano, interpretarán, na nave central da catedral compostelá, música de J. S. Bach, Ramón Cuéllar de Altarriba (organista da catedral de Santiago de 1828 a 1833) e José Ferrer Beltrán.


_

Sábado 14 de xuño: parque arqueolóxico da cultura castrexa de San Cibrao de Las San Amaro-Punxín (Ourense)

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO. Coñecido na antigüidade como Lánsbrica, este castro estivo habitado entre o século II a.C. e o século II d.C. Trátase dun dos máis representativos e de maior tamaño de Galicia, cunha superficie de 10 hectáreas dentro das murallas e cunha complexa estrutura urbanística. Monumenta convida a coñecer as novas estratexias da arqueoloxía na investigación e difusión do patrimonio en relación transversal con outras ciencias.

18.30 ANDAR CON ARTE. Monumenta lévanos ata San Clodio de Leiro e San Miguel de Osmo en Cenlle. Unha visita organizada para descubrir as restauracións recentes de ambos os templos (o desprazamento de Leiro a Cenlle é por conta propia dos visitantes).

20.30 MONUMENTA EDUCA. Coñecemos, nas instalacións do parque arqueolóxico, os traballos realizados polo alumnado do CEIP Euloxio Gómez Franqueira arredor do patrimonio cultural local.

21.30 MONUMENTA EN CONCERTO. Narf Trío
Monumenta presenta, no xardín do parque, Nas tardes escuras, o novo traballo discográfico de Fran Pérez «Narf», no que o cantor e compositor explora a poesía de Rosalía de Castro dun xeito innovador. Con L.A.R. Legido na batería e Alberte Rodríguez «Ho Chi Ming» no baixo, unha visión contemporánea e enérxica dos textos da poetisa.

23.00 NOITES DE MONUMENTA
Descubre a arqueoastronomía. Unha oportunidade para coñecer o castro de San Cibrao de Las mediante a observación das estrelas e descubrir esta disciplina científica que combina ferramentas metodolóxicas da astronomía e da arqueoloxía.

Domingo 15 de xuño: igrexa de Santa María Melide (A Coruña)

Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO. A igrexa de Santa María, construída no s. XII, é a xoia do románico melidense. No seu interior atópanse elementos excepcionais, como o altar de pedra e a reixa, a única desa época da que se ten constancia en Galicia. Tamén merecen unha visita as pinturas policromadas da ábsida, xa de estilo renacentista, do século XVI. Pero na vila de Melide temos máis patrimonio por descubrir e farémolo… en movemento.

18.00 ANDAR CON ARTE. De San Roque a Santa María. Un paseo musical con saída desde o cruceiro de San Roque. Percorreremos a vila para coñecer os antigos cines de Melide, os obradoiros de repostería ou os talleres dos zapateiros, ata chegar á parada final na igrexa de Santa María. Ao longo do percorrido, diferentes convidados falarannos da historia de Melide e non nos faltará a música en directo de Trécolas.

20.00 MONUMENTA EDUCA. Presentación, na igrexa de Santa María, dos traballos e investigacións sobre o patrimonio realizados polo alumnado do CEIP Martagona.

20.30 MONUMENTA EN CONCERTO. Pierrot Rougier, na frauta traveseira, Pedro Pascual co acordeón diatónico e Gema Pérez, no violín.
A igrexa de Santa María acollerá o concerto deste trío de calidade excepcional, que nos traerá unha selección de repertorio atlántico –cun protagonismo especial para a música da Bretaña– nun formato participativo e integrador.