Monumenta 2014: As Ermidas (O Bolo, Ourense) e Ferreira de Pantón (Lugo)

Sábado 21 de xuño: santuario das Ermidas e Castelo O Bolo (Ourense)


Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO.


O santuario da Nosa Señora das Ermidas é un dos máis destacados centros de peregrinación de Galicia. Trátase dun conxunto de edificios que foron construídos en varias fases desde 1624. A fachada do santuario, flanqueada por dúas torres, é unha das mellores obras do barroco galego. Monumenta convídanos a percorrer os camiños do lugar, para achegármonos ao seu patrimonio desde unha perspectiva diferente e participativa.


18.00 MONUMENTA DIVULGA

Visita guiada ao castelo do Bolo onde coñeceremos a súa historia e as súas características.

18.30 ANDAR CON ARTE

Unha andaina entre o castelo e As Ermidas. Percorreremos os antigos camiños dos veciños, con parada en varios pasos do viacrucis para escoitar as explicacións culturais, ata chegarmos ás Ermidas.

19.30 MONUMENTA EDUCA

No santuario das Ermidas presentaranse os traballos realizados polo alumnado do CEIP do Bolo.


20.00 MONUMENTA EN CONCERTO

Unha dobre sesión de música nun contorno excepcional.
Son do Sil, procedente do Barco de Valdeorras, tráenos a súa interpretación potente e singular da música popular da man dos seus numerosos integrantes. Eles abrirán paso para a voz de Uxía Senlle, que nos trasladará polos seus cálidos e salgados universos musicais, coa calidade e o saber de 27 anos de carreira artística.

Domingo 22 de xuño: convento de Ferreira de Pantón (Lugo)


Á DESCUBERTA DO PATRIMONIO.

O mosteiro de Ferreira de Pantón ten a singularidade de ser probablemente o único mosteiro de Galicia que non cambiou de función desde a súa fundación no século XII. No interior da igrexa, de orixe románica, descóbrese unha escultura en madeira policromada da Virxe co Neno. Pero o patrimonio cultural tamén ten vida máis alá das pedras e do construído. Monumenta quere dedicarlle a xornada aos cantares de cego interpretados, desde a Idade Media, por músicos populares itinerantes.

11.00 ANDAR CON ARTE
Rolda a pé polo patrimonio da vila. Comezaremos o paseo cunha presentación na praza do Concello, para iniciar o percorrido cunha introdución á historia do pazo dos Gayoso. De alí, seguiremos a andaina cara á zona máis antiga da vila ata chegarmos ao pazo de Maside. Descubriremos, a seguir, as vistas menos habituais do castelo de Maside e chegaremos ata o mosteiro das madres bernardas, para volvermos, finalmente, á praza do Concello.

17.00 MONUMENTA EDUCA

Presentación, no convento, dos traballos realizados polo alumnado do CEIP Monte Baliño sobre o patrimonio local.


17.30 FALADOIRO MONUMENTA
Conversa cos veciños que coñeceron a Eladio, o cego de Eiré. Unha pequena homenaxe colectiva a este músico, organizada en colaboración co Concello de Pantón.


18.30 MONUMENTA EN CONCERTO

Actividade final no convento cos cantos de Alba María (voz gañadora do I Certame de Canción de Autor de Teo 2014) e a zanfona de Óscar Fernández (fundador do grupo Os Cempés). Os dous músicos xogarán coa improvisación e coa revisión contemporánea dos cantos de cego, para falar de Ferreira e da súa historia.