Monumenta 2014

Monumenta é un ciclo dirixido á divulgación e á promoción do patrimonio cultural galego tanto na súa vertente material como na inmaterial, nunha perspectiva ampla coa que achegar diferentes percepcións que configuran a identidade do ben.

A través dunha programación artística e de obradoiros e actividades de participación social, este ciclo promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten como obxectivo a posta en valor de espazos arquitectónicos situados maioritariamente en áreas rurais nos que se están a realizar ou se levaron a cabo recentemente intervencións de
restauración sobre o patrimonio.

Con este programa, que celebra en 2014 a súa segunda edición, trátase de conseguir unha maior implicación da propia cidadanía na conservación e aprecio dos seus bens patrimoniais, a través de obradoiros sobre restauración e propostas lúdicas e de aprendizaxe ás que se
unen eventos musicais. Un conxunto de actividades para coñecer e vivir os procesos de conservación e restauración do patrimonio cultural.