LOIS PEREIRO ALÉN DO PUNK

O martes 17 de maio estréase a película Contra a morte na TVG 2 ás 22:45, un documental sobre Lois Pereiro de Alexandre Cancelo e Iago Martínez montado nas oficinas de Sinsal entre o 2009 e o 2010. O artigo LOIS PEREIRO ALÉN DO PUNK, de Alexandre Cancelo, publícase este mes en Tempos Novos.

Xa chegarán as xeracións que poidan ver todo isto con máis perspectiva, xente que pode que aínda non camiñe entre nós, sen esta estrana paixón coa que caemos sobre as xeracións inmediatamente anteriores preguntando, observando os seus papeis, as súas pegadas aínda sen fosilizar.

O verán pasado Phill Niblock estivo no Festival Sinsal, para o que traballo. O seu concerto diante do Pazo Quiñones de León á noite deixou entre todos os que asistimos a el o sentimento de estar ante un dos grandes do que chamamos música contemporánea. Disparando drones dende Castrelos, zumbidos que se movían sutilmente, que discorrían coma ríos, coma caudais sonoros.

A tal altura atopábame eu en plena montaxe de Contra a morte, a película que dirixín xunto a Iago Martínez ao redor de Lois Pereiro e que agardo que se estree, cedo, a poder ser. 150 horas de material bruto, unha montaxe monumental que xuro non repetir en anos. Pois ben, Phill Niblock colouse na película, asociándose ao tren e á imaxe cada vez máis esvaída que fomos facendo do poeta. Lois Pereiro foise escorregando entre os fotogramas dun documental cada vez máis aberto.

Pedro Iglesias, amigo de Pereiro díxonos del, “escoitaba moito Radio 2, música contemporánea, catapumpimplanchacatacapum, que foi iso? Nada, a radio do Luis”. Porque nalgún momento decidimos quedar coa imaxe dun Lois Pereiro punk, que o era, claro, que non o era tanto, tamén. Dalgún xeito foi máis alá, reducilo ao punk é quedarse coa parte del que desexamos e desbotar as aristas ás que tan ben non adaptamos os seres humanos.

E si, é posible que algunha daquelas pezas onomatopeícas que Lois escoitaba na súa habitación de estudante no Paseo de Extremadura de Madrid, a cabalo entre os setenta e os oitenta, fora de Phill Niblock. Piedad Cabo, a muller da súa vida, dicíanos, entre as formas presente e pasado do verbo, “que lástima que non vivira a explosión da electrónica”. Eu si a vivín, e imaxino a Lois buscando nas tendas, ou no emule, os Selected Ambient Works de Aphex Twin, o Snivilisation de Orbital ou a Pole, Boards of Canada, Pan Sonic, DJ Shadow, Alva Noto ou tantos outros.

Piedad recorda que cando o coñeceu, comezando os setenta, andaba con Robert Fripp e Brian Eno, posiblemente co No Pussyfooting, unha obra vista hoxe como precursora do ambient e que sona absolutamente contemporánea. Moitos son os músicos que transitan aínda esas sendas, sen ir máis lonxe polo Festival Sinsal, no seu desdoblamento en colaboración con Expocoruña, AP9, acaban de pasar Rene Hell ou Raime, dous exemplos, o primeiro no ambient e os segundos dende o dubstep, de electrónica enraizada, que bebe das fontes tanto como das últimas tendencias.

Lois Pereiro escoitaba tamén aos seminais Tangerine Dream, a John Cage, o Metal Machine Music de Lou Reed, a Deutsch Amerikanischen Freunschaft (D.A.F) ou a Kraftwerk, todos eles símbolos, movéndose entre a psicodelia, a electrónica, o futurismo ou instalados directamente no ruído. En Lois Pereiro o punk é algo máis, é situacionismo e dadaísmo, é unha actitude de alerta, de insubmisión. Porque Lois Pereiro sabíao, aí queda a súa Modesta proposición, we are the robots...