DandyLady en Espazos Sonoros

DandyLady é unha formación integrada por Iria Pinheiro (actriz) e Jesús Andrés (músico), dous artistas que veñen desenvolvendo o seu traballo xuntos desde 2007 en proxectos musicais de diferentes estilos, como música disco, pop, cabaret, danza, etc. Colaboran en formacións como Mosca Gogó, Siesta Continental e proxectos coma o ciclo Mércores no solpor do Museo Verbum, Churra e Merina ou Nexus 6, da Cía. Branca Novoneyra, entre outros.

Data: Mércores 2 de outubro 20.00 h

Lugar: IES Lucus Augusti, Lugo (Lugo)

Festival: Espazos Sonoros

Desassossego é un espectáculo que se podería definir como poesía escénica e que xira arredor do desacougo, un recital teatral-musical ao que lle poñen letra seis poetas galegas, xunto con outras tres do resto da Península: Branca Novoneyra, Olalla Cociña, Lupe Gómez, Lucía Aldao, Esther F. Carrodeguas, Xiana Arias, Luci Romero, María Salgado, Adília Lopes; ademais de Fernando Pessoa e de Lois Pereiro. O título inspírase no Livro do desassossego, de Fernando Pessoa, e o primeiro texto desa obra, "A morte do príncipe", abre o recital. Tamén se inclúe na escolma o poema de Lois Pereiro, “Dandy”, que inspirou o propio nome do grupo.

A tecnoloxía dos anos 70, un proxector de diapositivas, radiocasetes, transistores, un pick up, unha máquina de fotos analóxica ou unha máquina de escribir serven de ferramentas para falar da inquietude a través da poesía e da música, nun espectáculo no que tamén se empregan rexistros sonoros de momentos e espazos que se senten como desacougantes, como un centro comercial ou o son do funcionamento do ascensor desde o interior dunha vivenda.