Concerto de Rafael Toral

O lisboeta Rafael Toral, traballa con instrumentos experimentais e denomina o seu estilo como música electrónica pos-free jazz. Fai unha longa pesquisa nas posibilidades performativas da música, elaborando pezas cheas de brillo, nas que articula silencio e son dun modo ponderado e envolvente.
Comeza como guitarrista, interesado no fraseo e apoiando o instrumento con software, pero decide darlle unha volta ao seu proxecto musical e crea Space Program, obra que describe como “melódica pero sen notas; rítmica pero sen beat; familiar pero estraña, e meticulosa pero radicalmente libre”. Cuestiona a orixe académica da música electrónica experimental e sitúase na cultura jazz popular. Contrapón as posibilidades de ambas as tradicións para xerar unha nova linguaxe. A música electrónica, na súa maioría, fixo especial fincapé na obra rematada e nas fontes sonoras que a producen, deixando a un lado o individuo-músico como tal. Para Rafael Toral, pola contra, son fundamentais a intuición, o xesto, a emoción, a fisicidade e a visceralidade da música no proceso interpretativo.

Comisariado: Sinsalaudio | Coordinación: Virginia Villar

Sábado 9 de xuño | 21:00 h
CGAC | Entrada de balde