Cámara Anecoica: sesión Caxade

Desde o punto de vista acústico: viviches (na túa vida cotiá) algún momento diferente sobre o que non eras consciente antes da visita á cámara?

A direccionalidade coa que se transmite o son na cámara, fai que agora sexa máis facil atopar (ou polo menos máis consciente o feito de pesquisar) esa fonte sonora en contextos convencionais de reverberación

Lembras algún exercicio ou esforzo especial de adaptación ás condicións acústicas do espazo?

Toco instrumentos acústicos e teño, portanto, moito máis hábito facendo música en acústico, ou tiña, porque CAXADE como banda levamos máis de 50 concertos... Aínda así, non me acabo de afacer ao son amplificado, todo me soa raro e extraño; nunca é cómodo. Son moitas as veces nas que hai verdadeiramente que facer un grande esforzo para comunicar e transmitir a música a pesar de que estea máis pendente desa adaptación á amplificación sonora.

Impresión xeral da experiencia ou algo que destacar a maiores?

A experiencia foi fantástica, aínda que con sensacións contrariadas. Desde o punto de vista sonoro nada é igual dentro da cámara, é maravilloso percibir o modo en que se transmite o son, e ao tempo é agobiante e cansado, porque non parecen parámetros que teñamos adoitado como convencionais. Os silencios son enormes e a música faise pequeniña, sendo máis difícil chegar a un resultado habitual, ou esperado. Até os aplausos da xente soaban raros. É como se o mundo se tornase tímido e contido. Con esa percepción diferente, tendo un sentido do ouvido trastocado, fai sorprendentemente que a túa relación con ese entorno e esa xente tamén sexa diferente, máis contida seguramente.

Caxade e o público convidado á sesión

Caxade cos estudiantes da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da Universidade de Vigo