700 fíos: a música espontánea irrompe en Vigo

Concerto:

- 700 Fíos + Pablo Rega

- Domingo 26 abril 2015, 12:30h. Salón de Actos do MARCO (Príncipe, 54)

- Entrada: 5€ (menores de 13 anos, de balde)

Este domingo 26 de abril, o compositor e guitarrista Pablo Rega dirixe a un ensemble de 11 improvisadores no MARCO, unha experiencia sonora única para o público. Unha agrupación semellante a unha pequena orquestra de cámara, con once músicos, en rigoroso acústico, conducidos polo guitarrista e improvisador Pablo Rega. 700 fíos é un paso adiante por parte dos músicos improvisadores de Vigo. Un concerto especial, en sesión vermú, o vindeiro domingo 26 de abril no salón de actos do MARCO.

700 fíos:

Esa é a proposta do colectivo de improvisadores de Vigo que, desde hai meses e a través das denominadas Sesións H.A.L.O., estan a constituír unha escena musical na cidade na que a mentalidade artística prima sobre calquera outro elemento e cuxa contorna, como eles mesmo din, sitúase no underground. Improvisación libre, intuición e conciencia do momento presente. "Música espontánea dirixida, coas posibilidades sonoras mais crúas e humanas, o corpo e o instrumento coma un só elemento, nun espazo neutro e nobre", sinalan.

Pablo Rega, que dirixe 700 fíos o vindeiro domingo 26, foi un dos fundadores de OmeGa (Orquestra de Música Espontánea de Galiza) e un dos seus principais directores. Dirixiu tamén durante anos a BIB (Banda de Improvisación de Barcelona). Estamos ante unha das mentes mais privilexiadas dentro da escena da improvisación libre na península. En
2014 participou no 10º Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons".

Músicos procedentes de OmeGa, SuelenEstarQuartet, Cuarteto Caramuxo, Banda Crebinsky, Tripo, Trilitrate, Spil (“Seminario Permanente de Improvisación Libre” Conservatorio Superior de Música de Vigo), 2uS e Orquesta Vigo 430 prometen unha experiencia músical única na que, ademais chíscanlle o ollo á canteira de músicos e público da cidade, con entrada de balde para os menores de 13 anos.

Os músicos:

- Violíns: Elena Vázquez Ledo/Xacobe Lamas/Marcos Escobar/Cecilia Martinez

- Viola: María José Pámpano

- Cello: Macarena Montesinos

- Contrabaixo: Saúl Puga

- Frauta: Mateo Mena

- Clarinete: Fernando Abreu

- Trompeta: Mike Trompy

- Trombón: Jose Pons

- Percusión: Carlos Castro